29 jul. 2011

Desenfocada

Encántame esta foto, imperfecta como é, totalmente desenfocada. Pero así é como vemos a vida moitas persoas, desenfocada, borrosa máis alá de nós, ou incluso en nós mesmos, sobre todo os que somos miopes, que vemos borroso e pouco claro o que temos algo alonxado de nós. Qué é o que non queremos ver? Por qué reducimos o mundo que podemos ver claramente e no que nos sentimos seguros ao perímetro que formamos nós mesmos?

Desenfocamos e facemos borroso o que non queremos ver, dunha maneira insconsciente, e xa dende pequenos. Fascíname a capacidade que temos dende sempre, dende que comezamos a percibir sensacións xa no útero da nosa nai, para adaptarnos e protexernos frente á realidade que temos cada un, amoldándonos física e emocionalmente e, incluso, cambiando tamén esa realidade para adaptala ao que podemos enfrentar. Fascíname e ao mesmo tempo prodúceme tristeza, porque ao final medramos non sendo, non sentindo, amordazados e anestesiados emocionalmente, e mostrando aos demáis o queremos que vexan, e todo iso sen ser conscientes delo. Non hai máis que darse un paseo pola rúa para ver á xente enfadada, amargada, esperando a que pase o día, a que pase a semana, a que pase o ano... facendo tempo, como digo eu. Xente sen motivación, sen alegría, que non vive, senon que sobrevive. Nacemos con un legado de desconexión de nós mesmos e do que nos rodea impresionante.

Pero por algo estamos aquí, para conseguir enfocar un pouco máis, aumentar a nosa conciencia e conseguir conectarnos con nós mesmos, coa nosa esencia, conectarnos coa alegría, coa libertade, coa relaxación de deixarnos ser, e sentir, sobre todo sentir e disfrutar.

Sei que algún día gardarei as gafas nalgún caixón e quedarán alí ata que me decida a tiralas.